Wednesday 18 de September de 2024

O Concello de Oleiros analizará a posible prevaricación da Xunta na eliminación de liñas de autobús


Os servizos xurídicos do Concello de Oleiros procederán a analizar os posibles incumprimentos do contrato adxudicado pola Xunta de Galicia para o servizo de transporte nos que se incurran pola eliminación de liñas. De ser o caso, o Concello emprenderá accións legais para defender aos veciños e veciñas afectados pola eliminación de 46 servizos de transporte no Concello de Oleiros.

“Teñen a cara de falar hoxe na prensa de reducir o uso do coche cando acaban de eliminar 46 servizos de bus que pasaban por Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Liáns e Perillo, é dicir, daban servizo a máis de 29.000 persoas. É indignante”, comentou o alcalde.

Nos días de onte e hoxe, diversos cidadáns dirixíronse ao Concello para seguir denunciando retrasos nos horarios de paso dos buses, así como falta de información sobre os denominados “reaxustes” da Xunta de Galicia, que na práctica supoñen a eliminación de 46 servizos respecto aos existentes antes do 22 de xuño.